Tuesday 14 de May de 2024

A Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña pechou a Campaña da Gripe con preto de 14.000 doses máis que no ano anterior


Ata o 5 de marzo declaráranse 883 ingresos hospitalarios e 52 falecementos pola enfermidade, a maior parte deles, de pacientes con algún factor de risco

Segundo o informe final da Campaña de Vacinación Antigripal 2016, a Xefatura Territorial de Sanidade da provincia de A Coruña administrou 211.716 doses, o que supón 13.915 máis que na campaña pasada. Segundo se desprende dos datos, ata o 5 de marzo declaráronse 1.915 ingresos hospitalarios con gripe confirmada en Galicia, dos que 883 foron na provincia coruñesa. Das persoas ingresadas na provincia, o 5,9% necesitaron ingreso en Coidados Intensivos (UCI). O 88,6% tiñan algún factor de risco. Ata o de agora faleceron na provincia 52 persoas por gripe. Todas elas tiñan prescritas a vacina, aínda que o 41,2% non acudiron a recibila, a pesar da recomendación expresa e persoal da Xefatura Territorial.

Para a análise das coberturas de vacinación nas persoas de 65 ou máis anos resulta especialmente importante sinalar que os datos diferéncianse por grupos de idade, 65-69, 70-74, e 75 ou máis anos. No subgrupo de 65 a 69 anos, as persoas vacinadas foron 28.750 cunha cobertura do 41,73%. Este grupo foi destinatario de novo da actividade desenvolvida polo Sergas: “Promoción da vacinación antigripal 2016”, que consistiu en realizar chamadas telefónicas a persoas que non acudiron espontaneamente ao seu centro de saúde para recibir a vacina.

No subgrupo de 70 a 74 anos, as persoas vacinadas foron 33.478, cunha cobertura do 55,40%. Este grupo incorporouse nesta campaña á actividade de “Promoción da vacinación antigripal”. Ao igual que nos anos anteriores, o subgrupo que acadou unha maior cobertura de vacinación foi o de 75 anos en adiante, que adoita ser tamén o que ten un contacto máis diario cos servizos sanitarios.

O número de doses de vacina antigripal administradas nas persoas de 60 a 64 anos foi de 16.207. O número de persoas de menos de 60 anos que se vacinaron na presente campaña ascendeu a 48.440, o que supón un aumento de 4.988 doses con respecto ao ano 2015. A vacinación nestas idades ofértase especialmente a persoas pertencentes a grupos de risco.

Mención aparte merecen as coberturas do persoal médico e de enfermería do Sergas, tanto de atención primaria como de hospitalaria. A porcentaxe de traballadores sanitarios vacinados amosa un considerable aumento. En atención hospitalaria alcanzouse este ano o 30,51% de media. O incremento nas coberturas foi especialmente notable entre o persoal de enfermería de atención primaria na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña, que acada a maior cobertura, un 65,02%. Sinalar, así mesmo, que no global de Galicia, o persoal médico tanto de primaria como hospitalario superou o obxectivo fixado.

A gripe é unha enfermidade grave, evitable e moi transmisible que afecta todos os anos a un gran número de persoas cunha elevada morbimortalidade, especialmente naquelas pertencentes aos grupos de risco. A Consellería de Sanidade leva a cabo todos os anos, dende 1991, a campaña de vacinación a través da Dirección Xeral de Saúde Pública. A campaña desenvólvese todos os anos nun período e duración semellantes, dunhas nove semanas.